Actividades, Actividades do Día do Traxe, Certame de Traxes

BASES DO CERTAME DE TRAXES 2018

XXXIX Certame do Traxe Galego

Cartel do Día do Traxe Galego 2018

Díptico coas bases do certame (pdf)
Cartel en formato PDF para descargar

O 21 de xullo de 2018 dentro do programa de Festas do Apóstolo, o Departamento de Festexos do Excmo. Concello de Santiago de Compostela, convoca o XXXIX Certame do Traxe Galego coas seguintes

BASES

PRIMEIRA.

Poderán concorrer cantas persoas o desexen, cubrindo a folla de solicitude que se facilitará no Departamento de Festexos do Concello de Santiago: Teatro Principal. Rúa Nova 21, teléfono 981 54 23 47.

SEGUNDA.

Na folla de solicitude sinalarase: nome, apelidos e enderezo da persoa que mostre o traxe; se este é antigo (COMPLETO OU PRESENTADO POR PEZAS) ou moderno, de gala ou de cotío; comarca de procedencia e época á que pertence. No apartado de observacións consignaranse os mais datos aclaratorios posibles para unha mellor identificación así como os elementos que compoñen o traxe. Adxuntarase obrigatoriamente unha fotografía do concursante ataviado co traxe completo co que participa neste Certame. A falta da folla de inscrición ou da fotografía unha vez remate o prazo de presentación das mesmas suporá a descalificación inmediata do/a concursante.

Asimesmo, é de obrigado cumprimento a asistencia a sesión fotográfica que se realizará durante a celebración do Concurso pola Organización. Os traxes poden ser presentados por unha persoa física ou por unha xurídica (Asociación, agrupación,…), si se trata dunha xurídica deberán aportarse os seguintes datos, (nome, enderezo e CIF).

NO MESMO IMPRESO ATOPARÁN AS NORMAS DE ORGANIZACIÓN QUE REXIRÁN A PRESENTE EDICIÓN DO CERTAME .

TERCEIRA.

O prazo de presentación de solicitudes para participar no concurso remata o día 20 de xullo, as 14 horas, podéndose entregar no Departamento de Festexos do Concello de Santiago. Teatro Principal, Rúa Nova, 21 ou enviando o correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal, tanto a folla de inscrición como a fotografía.

CUARTA.

Tódolos traxes feitos na actualidade se deberán inscribir como Traxe Moderno, sendo imprescindible que garden o canon do traxe antigo.

QUINTA.

a. Os traxes antigos completos , ou as pezas antigas presentadas segundo o apartado b do presente punto 5o deberanse presentar como tales, facendo referencia detallada ós seus antecedentes e procedencia.

b. Na modalidade de pezas ou conxuntos de pezas antigas que non compoñan un traxe completo, as pezas que se presenten poderán ir acompañadas das pezas de nova confección que se precisen para completar o traxe que, en todo caso, deberá ser armónico.

SEXTA.

Calesquera que sexan os traxes, antigos ou modernos, os seus tecidos serán naturais e de uso tradicional galego E os seus adornos haberán ser de vidro, acibeche ou cera vidrada, os agremáns ou pasamanarías de fío, seda ou algodón, e no seu feitío axeitaranse ós patróns tradicionais.

SÉTIMA.

É condición imprescindible que tódalas prendas que compoñen o traxe en exhibición formen un conxunto completo e homoxéneo.

OITAVA.

Non poderán combinarse prendas de distinta comarca.

NOVENA.

O Xurado, no momento da súa deliberación terá moi en conta a calidade e autenticidade do traxe e de cada unha das prendas que o compoñen, e máis dos restantes elementos da indumentaria, incluídos calzado, adobíos, peiteado, etc.

DÉCIMA.

Os traxes ou pezas premiados nos últimos cinco anos non poderán concursar. Isto inclúe calquera das pezas que conformaban estes traxes.

DÉCIMO PRIMEIRA.

O Xurado estará constituído por un experto designado por cada unha destas institucións: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, Consellería de Cultura, Museo do Pobo Galego, Instituto Padre Sarmiento, Concello de Santiago e Patronato Rosalía de Castro. Actuará como Secretario, sen voz nin voto, un membro da Asociación do Traxe Galego.

DÉCIMO SEGUNDA.

O Xurado terá as meirandes facultades para a interpretación destas bases e poderá outorga-las mencións e accésits que xuzgue convintes así como a descalificación inmediata de aqueles participantes que incumpran algunha das anteditas bases ou das normas de organización do certame.

DÉCIMO TERCEIRA.

Establécense os seguintes

PREMIOS:

PREMIO TRAXE ANTIGO COMPLETO

Homes: 400 EUROS e agasallo conmemorativo
Mulleres: 400 EUROS e agasallo conmemorativo

PREMIO TRAXE DE COTÍO

Homes:
Primeiro Premio: 300 EUROS e agasallo conmemorativo
Segundo Premio: 200 EUROS e agasallo conmemorativo

Mulleres:

Primeiro Premio: 300 EUROS e agasallo conmemorativo
Segundo Premio: 200 EUROS e agasallo conmemorativo

PREMIO TRAXE MODERNO

Homes:
Primeiro Premio: 300 EUROS e agasallo conmemorativo
Segundo Premio: 200 EUROS e agasallo conmemorativo

Mulleres:

Primeiro Premio: 300 EUROS e agasallo conmemorativo
Segundo Premio: 200 EUROS e agasallo conmemorativo

Nenos:
Primeiro Premio: agasallo conmemorativo
Nenas:
Primeiro Premio: agasallo conmemorativo

No apartado de nenos/as poderán participar concursantes ata os 14 anos.

PREMIO ESPECIAL de 600 EUROS

para o grupo de máis de 10 persoas que se inscriban como asociación, grupo folclórico, etc. e que ningún dos seus membros estea inscrito no Concurso de xeito individual.

PREMIO ESPECIAL DE 200 EUROS
a mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo.